domingo, 20 de abril de 2008

Innovación e cooperación para asegurar a competitividade

Margarita Rodríguez Rama
Directora Xeral do IGAPE

A importante mellora das infraestructuras físicas, xunto cunha acertada política de parques empresariais desenvolvida de xeito coordenado entre as administracións públicas como a Xunta ou institucións como a Zona Franca, foron dous dos moitos factores que fixeron posible durante os últimos anos un novo impulso económico na cidade de Vigo e no seu entorno, una área metropolitana que segue destacando claramente como primeiro asentamento industrial de Galicia. Cómpre recoñecer que tamén tivo importancia a política estimuladora de organismos como o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que desde hai anos conta con oficina propia en Vigo, cidade onde durante 2003 se atenderon máis de 3.200 chamadas e a preto de 4.000 visitas que buscaban información sobre as axudas dispoñibles para empresarios ou emprendedores; o Igape tampouco foi alleo á captación de moitos dos proxectos empresariais que se teñen instalado ultimamente na comarca de Vigo, nin a decisión de implantarse adoptada en datas recentes por multinacionais como Benteler ou Denso. A coordinación e o bo entendemento entre as diferentes administracións, xunto co bo entendemento con institucións como a Zona Franca ou o espírito emprendedor dos propios empresarios vigueses, fixeron posible a aprobación de investimentos importantes que están chamados a atraer a outras empresas e inducir novos empregos, sobre todo se se consegue que o novo Goberno manteña os compromisos para a mellora das infraestructuras de Galicia, principalmente a chegada da alta velocidade ferroviaria, e que se aceleren dentro do posible as novas dotacións de solo industrial.
una das locomotoras económicas de Vigo é o sector da automoción, que impulsará tamén este ano investimentos millonarios para modernizar fábricas xa existentes ou para a instalación de novas factorías. O labor desenvolvido polo centro tecnolóxico e polo clúster está a facer posible que o sector siga medrando en calidade, tecnoloxía, producción e emprego, a pesar da situación menos positiva que hai agora noutros polos industriais de España ou Europa. O exemplo deste sector debe ser adoptado e seguido noutros campos, porque está claro que só a innovación continuada e a cooperación entre empresas con intereses complementarios pode garantir competitividade no presente e no futuro. O téxtil é outro sector que está a gañar protagonismo coa posta en marcha do proyecto colectivo TEXVIGO, que conta co apoio da Xunta para aglutinar a medio cento de empresas no Parque Tecnolóxico, seguindo un novidoso modelo de cooperación entre pemes que, deste xeito, poderán medrar, crear máis emprego, desenvolverse e gañar competitividade coa incorporación de I+D nos seus procesos.
O tecido empresarial de Galicia está sobre todo integrado por Pemes que teñen una incidencia fundamental na marcha da economía. O labor do Igape está orientado especialmente a elas, a través de instrumentos como os programas para favorecer a mellora competitiva, para facilitar a implantación de proxectos emprendedores ou para facilitar os investimentos de micropemes, con servicios ou instrumentos de apoio como as subvencións previstas no PCCP, os préstamos directos ou os microcréditos.
Onde o Igape entende que o seu labor pode ter maior transcendencia en cooperación con outras entidades ou institucións, procura aliados. Así, a boa colaboración entre Igape e Zona Franca fixo posible, por exemplo, a posta en marcha do Centro de Iniciativas Empresariais que está funcionando xa no polígono de A Granxa (Porriño), que ten como principal obxectivo facilitar a creación e posta en marcha na área metropolitana de empresas e, en particular, daquelas baseadas en ideas innovadoras ou promovidas por mozos emprendedores.
No IGAPE, as empresas da área metropolitana de Vigo seguirán atopando, como as de toda Galicia, apoios económicos ou servicios de carácter gratuíto axeitados a cada situación. As grandes empresas con proxectos de interese estratéxico poden contar con financiamento a través de Inesga ou pola vía das subvencións a fondo perdido a proxectos de investimento reguladas polo propio Igape ou por Incentivos Rexionais, apoios que tamén se xestionan a través do Instituto. Pola súa banda, as pemes poden acadar colaboración para o desenvolvemento de proxectos abrindo ó seu capital á participación de SODIGA ou dos fondos de capital risco Emprende ou Adiante, tamén accedendo a préstamos ou contratos de leasing subsidiados, entre outras moitas posibilidades.
Pola súa privilexiada situación xeográfica, contando cunha privilexiada é dinámica porta ó mar, polo dinamismo das súas grandes e medianas empresas e pola boa saúde de moitas sociedades familiares de gran peso na zona, cómpre sermos razoablemente optimistas sobre o futuro económico da área metropolitana de Vigo e, tamén, con respecto á súa positiva incidencia na actividade económica de Galicia, sobre a que actúa con clara vocación de locomotora. Vigo conta con argumentos ó seu favor para liderar a eurorrexión que Galicia forma co Norte de Portugal. Por encima da lexítima rivalidade, convén promover una competitividade orientada á complementariedade entre o norte e o sur desta eurorrexión, chamada a ser instrumento fundamental para que medre o peso e a influencia de Galicia na Unión Europea. Os avances neste sentido tamén darán beneficios para ambas partes.

No hay comentarios: