Santiago Dominguez Olveira
Si algunha cidade en Europa pode presumir de terse feito a si mesma, contando basicamente co apoio dos seus emprendedores e da súa forza de traballo e ilusión, esa é a cidade de Vigo. A súa posición periférica no territorio español, e a ausencia dun poder político propio no territorio galego do que forma parte, definiu unha traxectoria na que os impulsos de creatividade, iniciativa empresarial e forza de traballo non ia acompañada dun axeitado apoio institucional por parte dos poderes públicos. Isto dificultou un adecuado desenvolvemento, que de producirse teria convertido a Vigo nunha cidade referente da fachada atlántica peninsular. Dito isto, debemos arrombar definitivamente atitudes esterilmente queixosas.Será necesario reclamar o que nos corresponde, e ante quen sexa, pero coa óptica e o convencemento de que nos somos capaces de decidir e erguer o futuro que queremos. Abandonemos os complexos de inferioridade, consistentes en pensar que sen apoios, axudas ou subvencións nunca seremos ninguén. Teremos un futuro asegurado si traballamos na perspectiva de que só avanzaremos si confiamos na nosa vontade decidida de aproveitar as nosas vantaxes e superar con imaxinación as dificultades que nos atopemos.
A área metropolitana de Vigo e a nosa posición en Europa.
A economía da cidade e da súa área metropolitana tivo o seu desenvolvemento coa industria vinculada ao mar, nos subsectores da construción naval e da pesca. Posteriormente na última metade do século XX, pasa a ocupar tamén un lugar destacado a industria do automóbil e o conxunto de empresas do ecosistema de Citroén. O sector industrial de Vigo supón unha porcentaxe moi elevada de todos os produtos que se exportan dende Galiza. Sen embargo o sector servizos é o que está a xerar un maior número de postos de traballo (61%), fronte ao sector industrial (21%).
A pesar das erráticas políticas tanto do Goberno Español como da Unión Europea en materia de pesca e construción naval, seguimos a ser un referente fundamental en Europa tanto nos procesos extractivos como na manipulación dos produtos da pesca. Estamos neste punto nunhas condicións inmellorábeis para aproveitar o marco institucional que se nos presenta, coa próxima chegada a Vigo da Axencia Europea de Pesca. Esta institución, máis alá das competencias formais que se lle outorguen e que aínda hoxe son mínimas, permite establecer un referente que nos posibilitará mediante unha intelixente política de aproximacións e mutuo coñecemento, ser lideres no futuro do sector pesqueiro no marco da Unión Europea.
Unha das vantaxes que se nos presenta para os próximos anos e que a nosa área metropolitana non é tan dependente como outras zonas dos apoios e axudas de Europa. Os programas europeos na cidade circunscribíronse a algunhas iniciativas de recuperación do tecido urbano e outras de índole menor. O seguro recorte nas axudas podería afectar significativamente ás infraestruturas de comunicación. De producirse esta situación teriamos que buscar rapidamente solucións imaxinativas, nas que participase dalgún xeito o tecido financeiro, que nos garantisen a realización daquelas que son imprescindíbeis para a posta en marcha do Vigo do futuro.
En todo caso, "a nova situación" creada pola ampliación da Union Europea e a redución de fondos para territorios como Galiza, esixe ter un plan para abordar o futuro, á vez que pomos en marcha os instrumentos mínimos de actuación para o novo período. No anterior mandato municipal, que presidía Lois Pérez Castrillo, formulouse un Plan Estratéxico da cidade para os próximos 20 anos e púxose en marcha o PXOM, que está a piques de ser aprobado definitivamente. Estes dous documentos, esenciais para o futuro da cidade, aínda que traballando sobre ámbitos distintos, coinciden en aspectos esenciais, e que eu resumiría sumariamente nos seguintes apuntamentos:
a) O marco territorial, económico e social sobre o que traballamos é a Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. As accións de implementación de infraestruturas, tanto de comunicacións como as necesarias para o desenvolvemento das empresas, teñen como referencia este marco. Cobran así especial relevancia as comunicacións con Portugal por ferrocarril no denominado eixo atlántico. Tamén resultan trascendentais proxectos como o denominado Porto Seco de Salvaterra, elemento verdadeiramente vertebrador dunha axeitada relación entre a área metropolitana e o resto da eurorrexión, no que as empresas dun e doutro lado da fronteira intercambien produtos e mesmo servizos, tendo como referencia para as exportacións o porto de Vigo e mesmo o seu aeroporto.
b) Aproveitar os recursos humanos e a formación que permiten as escolas técnicas da nosa universidade para desenvolver un potente sector de servizos vinculados ás novas técnoloxias, e en todo o relativo ao cuidado e explotación dos recursos mariños. Estes sectores deberian ter no marco da eurorrexión o seu ámbito natural de desenvolvemento, pero sen perder de vista os procesos de mundialización da economía e o coñecemento. Urxe establecer un acordo de colaboración entre a Universidade de Vigo, a Xunta de Galiza e o Concello de Vigo, ademais dos apoios que se poideran derivar da participación do Ministerio de Industria para abordar unha serie de actuacións que permitan por en marcha as novas iniciativas. Asi, poderíase formular a creación de sociedades capital-risco, implementar dotacións de infraestruturas que permitan desenvolver unha verdadeira política combinada de investigación-desenvolvemento-innovación, aplicada nas empresas da área, etc...
c) O privilexiado marco xeográfico no que nos atopamos permite un verdadeiro aproveitamento dos recursos naturais, que combinados axeitadamente con infraestruturas que garantan o respecto á natureza e os recursos, sexan potenciadas dun sector turístico que na cidade está claramente desatendido, ou non se lle dan atopado fórmulas de relanzamento. As potencialidades son incribles e cada actuación que se leve neste ámbito ben recompensada con aumentos exponenciais das persoas que nos visitan. É moi relevante neste aspecto completar as dotacións culturais e congresuais, en especial a culminación do pazo de congresos e a mellora da estrutura do recinto feiral de Cotogrande. Existen hoxe cidades no mundo nas que a seu sector económico punteiro é o que deriva das actuacións congresuais ou expositivas. Si somos capaces de interrelacionar a actividade expositiva e a congresual poderemos estar competindo en algúns sectores coas cidades punteiras europeas. Neste punto é fundamental mellorar a habitabilidade da cidade, potenciando os espazos rehabilitados e mellorando a calidade de vida dos cidadáns.
Estamos diante dun reto fundamental para os próximos 20 anos, nos que teremos que asumir o noso papel de líderes no crecemento de Galiza e aproveitar a nosa posición estratéxica tan importante no seo da eurorrexión. Os conceptos de confianza e colaboración son os piares nos que debemos asentar o noso traballo. Confianza nas nosas forzas, no que somos e o que podemos ser; e a colaboración entre todos e todas, cidadáns e institucións. Só así despexaremos as dúbidas sobre o futuro que hoxe vemos tan incerto, e podemos ofrecerlle aos nosos fillos e fillas unha esperanza de vivir e disfrutar nesta maravillosa terra.
domingo, 20 de abril de 2008
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario